Na localidade rusa de Verkhoyansk, estes días non se pon o Sol. Situada a unha latitude de 67º, é dicir, por riba do Círculo Polar Ártico, esta pequeno asentamento na Siberia Oriental fíxose mundialmente famosa estes días por un acontecemento sen precedentes: os termómetros rexistraron 38ºC. “É probablemente a temperatura máis alta xamais rexistrada no Círculo Ártico”, expuxo a través das redes o investigador finlandés Mika Rantanen, do Instituto Finlandés de Meteoroloxía. Nunca se acadara tal valor desde as primeiras medicións no lugar, que datan de 1885. Verkhoyansk é coñecida, curiosamente, por rexistrar algunhas das temperaturas máis baixas no inverno, chegando a caer ata os -50ºC.
![]() |
Imaxes en falso color dos incendios activos nos últimos días preto de Verkhoyansk |
As anomalías cálidas de temperatura que o norte de Rusia está a rexistrar nos últimos meses están sendo unha importante fonte de preocupación para os investigadores. O servizo de Cambio Climático Copernicus (C3S) da Unión Europea advertía nos días pasados que maio de 2020 fora o máis caluroso desde que ha rexistros, e que no caso concreto de Siberia, as medias estiveron ata 10ºC por riba do normal.
Os investigadores de Copernicus tamén puxeron o foco sobre o “excepcional” desxeo nos ríos siberianos, como o Ob e o Yenisey, e a catástrofe ambiental do vertido de combustible preto da cidade de Norilsk, o que acelerou o derretimento do permafrost nestas zonas. O vídeo baixo estas liñas amosa a área do oeste de Siberia, entre os 55º e os 75º de latitude, e os 60º e 120º de lonxitude leste, que foi estudada en detalle polos científicos do C3S.
A situación agrávase coa aparición de incendios forestais na mesma zona, como os rexistrados nos últimos días preto da propia localidade de Verkhoyansk, calcinando miles de hectáreas. A conxunción de todos estes factores está preocupando ás autoridades rusas. Segundo recolle The Guardian, o presidente ruso Vladimir Putin advertiu en decembro que “algunhas das nosas cidades construíronse ao norte do Círculo Ártico, sobre o permafrost. Se comeza a derreterse, podemos imaxinar que consecuencias habería. É algo moi serio”, apuntou.
Fonte: GCiencia
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.